MÚSICAS DE TRADICIÓN GALEGA, IBÉRICA E EUROPEA.
Despois de moitos anos compartindo experiencia docente e colaborando musicalmente en diversos proxectos, estes dous singulares músicos deciden poñer en marcha un proxecto ao vivo en formato dúo.
Sen artificios, sen trucos, simplemente demostrando do que son capaces cos seus instrumentos e cun compromiso férreo por amosar a singularidade da música de raíz tanto de Galiza e Castela (territorios dos que son fillos) como tamén dalgún territorio Europeo.
Eles son referentes dos seus respectivos instrumentos: a zanfona e o acordeón diatónico. Dous instrumentos de madeira que irmandan dun xeito moi especial.
No seu repertorio imos atopar principalmente ritmos bailábeis executados con contundencia rítmica e precisión harmónica proporcionando unha experiencia que vai agradar tanto á audiencia que decide bailar como a que quere tan só escoitar.
Dáse a singularidade de que tanto a zanfona coma o acordeón diatónico dispoñen de dúas partes ben diferenciadas, a da melodía e a do acompañamento, por tanto a suma convirte a este dúo nunha sensación de catro instrumentos facendo que o son sexa xeneroso, amplo e moi rico, un concerto único que non vai deixar a ninguén indiferente.